Reseña de Xulio Sousa (USC), en el número 3 de Estudos de lingüística galega, p. 279-280.
Cortés Carreres, Santi / Vicent García Perales (2009): La historia interna del Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). Correspondencia (1910- 1976). València: Universitat de València, 514 pp.
Con data de 2009 publicouse no servizo de publicacións da Universitat de València este completo volume de correspondencia vinculada co desenvolvemento do proxecto do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), cualificado certeiramente nalgún lugar da obra polos editores como un dos máis importantes proxectos de investigación lingüística emprendidos na península no século pasado. A obra é o resultado do traballo realizado durante varios anos por Santi Cortés, catedrático de ensino secundario e autor doutras obras de carácter historiográfico, e Vicent García Perales, doutor en filoloxía catalá e profesor na Universidad Cardenal Herrera-CEU.
Os materiais foron recadados de diferentes arquivos, entre os máis importantes a Fundación Menéndez Pidal, o Centro de Humanidades y Ciencias Sociales do CSIC, a Residencia de Estudiantes e tamén algunhas bibliotecas e arquivos privados. Os editores conseguiron reunir preto dun milleiro de documentos de entre os que escolmaron 322 cartas que aparecen transcritas, editadas e debidamente anotadas neste volume. Segundo declaran na presentación (Origen, desarrollo y razones de un proyecto frustrado), a súa pretensión non foi facer unha recolección exhaustiva de todos materiais, senón dar á luz os máis interesantes polo seu contido e tamén aqueloutros que conteñen informacións descoñecidas deica agora.
A primeira carta é do 9 de outubro de 1910 (de Ramón Menéndez Pidal a Miguel de Unamuno suxeríndolle a necesidade de realizar un “mapa lingüístico de España”), a última, de febreiro de 1976, de Rodríguez-Castellano a Tomás Navarro Tomás (ofrecéndolle noticias de actualidade política de España e comentando agoreiramente que “pudiera ocurrir que cuando cambien las cosas ―entre otras, el actual snobismo lingüístico― los estudiosos vuelvan los ojos hacia los trabajos del Atlas iniciado y dirigido por usted, con tanto acierto.”). Do conxunto das cartas editadas, case todas inéditas, a maioría son da autoría dos investigadores participantes directos no proxecto: Tomás Navarro Tomás (104), Manuel Sanchis Guarner (75), Lorenzo Rodríguez-Castellano (61), Aníbal Otero (32), Francesc de Borja Moll (11), Aurelio M. Espinosa Jr. (8), Luís F. Lindley Cintra (8) e Armando N. de Gusmão (2). Un pequeno feixe está asinado por persoas que dalgún xeito estiveron ligadas con algunha Recensións das fases da investigación: Ramón Menéndez Pidal (14), Rafael Lapesa (2), Rafael de Balbín (10) e algúns outros.
A correspondencia aparece ordenada cronoloxicamente e agrupada nos seis capítulos que constitúen o cerne do libro: I. Proceso de gestación, primeras excursiones e interrupción de la guerra civil (1910-1937), II. Reanudación y retorno de los materiales expatriados (1939-1951), III. Entendimiento con Portugal y terminación de las encuestas (1951- 1956), IV. Traslado de los materiales a Mallorca e inicio del proceso de cartografiación. El Congreso de Lisboa (1957-1959), V. Preparativos finales y edición del volumen inicial (1959-1962) e VI. Etapa final: un proyecto inacabado (1962- 1976).
As cartas editadas permiten apreciar testemuños directos sobre as causas e motivos que moveron a Menéndez Pidal e a Tomás Navarro Tomás a impulsar e dirixir un proxecto de investigación que pretendía realizar unha recolla de información lingüística dialectal similar, en calidade e características, ás que xa se emprenderan ou estaban a realizarse noutros lugares de Europa. O epistolario pon á vista dos lectores as dificultades que tivo o proxecto xa desde o seu inicio, as distintas etapas que atravesou e as polémicas en que se viron envoltos os investigadores participantes. Neste sentido, resulta especialmente ilustrativo o episodio das discrepancias entre Luís F. Lindley Cintra e A. Otero pola interpretación da ditongación en ou e ei nalgúns puntos de Portugal (carta 170 e ss.). As cartas axudan tamén a coñecer as pexas políticas, administrativas e humanas que foi encontrando o traballo ó longo dos anos e os conflitos orixinados polas relacións persoais e profesionais entre colaboradores. O epistolario é un reflexo de case un século da historia política, social e científica de España; un século inzado de feitos gloriosos (o rexurdir científico de España durante a época republicana) e de feitos tráxicos (as consecuencias que a guerra e a ditadura tiveron para a sociedade, a universidade e o desenvolvemento científico do país). O libro péchase cun imprescindible índice onomástico, un índice numerado das cartas (con data, autor e destinatario) e un apéndice gráfico composto por fotos, imaxes dos cadernos, mapas, materiais complementarios utilizados nas enquisas e a reprodución facsimilar dalgunhas cartas e documentos.
Os materiais que compoñen o volume están editados con rigor. As notas engadidas, suficientes en número pero ás veces escasas polo seu contido, complementan os textos e axudan a comprender mellor as referencias e persoas citadas na correspondencia. A pesar de que o criterio seguido polos editores para a selección dos materiais editados resulta comprensible e razoable, moitos especialistas dos estudos lingüísticos agradecerían que na escolla se incluísen tamén aquelas misivas que tratan cuestións máis técnicas e específicas do traballo de tratamento e edición dos materiais publicados no primeiro e único volume do ALPI.
O traballo sólido e imprescindible realizado por Santi Cortés e Vicent García súmase, de xeito destacado, a unha serie de investigacións sobre o proxecto do ALPI que varios investigadores veñen achegado nos últimos anos (entre outros: Ignacio Pérez Pascual, Xesús Alonso Montero, Mario Pedrazuela Fuentes e David Heap) e que contribúen a completar a historia deste proxecto infausto e tan inxustamente esquecido. O coñecido episodio padecido por Aníbal Otero, colaborador galego no ALPI, de quen o profesor Alonso Montero acaba de publicar unha indispensable biografía (que completa e corrixe algunha das interpretacións que se presentan no libro que se comenta), é quizais o reflexo máis tráxico de como a guerra civil crebou a vida de moitas persoas e malfadou un proxecto nacido nunha época de brillante progreso científico.
Xulio Sousa
© 2011 Estudos de Lingüística Galega 3, 273-295
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada