divendres, 7 d’octubre del 2011

“[...] historia deste proxecto infausto e tan inxustamente esquecido”

Reseña de Xulio Sousa (USC), en el número 3 de Estudos de lingüística galega, p. 279-280.

Descargar en pdf.


Cortés Carreres, Santi / Vicent García Perales (2009): La historia interna del Atlas Lingüístico de la Península I­rica (ALPI). Correspondencia (1910- 1976). València: Universitat de Valèn­cia, 514 pp.

Con data de 2009 publicouse no servizo de publicacións da Universitat de València este completo volume de correspondencia vin­culada co desenvolvemento do proxecto do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), cualificado certeiramente nalgún lugar da obra polos editores como un dos máis impor­tantes proxectos de investigación lingüística emprendidos na península no século pasado. A obra é o resultado do traballo realizado du­rante varios anos por Santi Cortés, catedrático de ensino secundario e autor doutras obras de carácter historiográfico, e Vicent García Pe­rales, doutor en filoloxía catalá e profesor na Universidad Cardenal Herrera-CEU.

Os materiais foron recadados de diferentes arquivos, entre os máis importantes a Funda­ción Menéndez Pidal, o Centro de Humanida­des y Ciencias Sociales do CSIC, a Residencia de Estudiantes e tamén algunhas bibliotecas e ar­quivos privados. Os editores conseguiron reu­nir preto dun milleiro de documentos de entre os que escolmaron 322 cartas que aparecen transcritas, editadas e debidamente anotadas neste volume. Segundo declaran na presenta­ción (Origen, desarrollo y razones de un proyecto frustrado), a súa pretensión non foi facer unha recolección exhaustiva de todos materiais, senón dar á luz os máis interesantes polo seu contido e tamén aqueloutros que conteñen in­formacións descoñecidas deica agora.

A primeira carta é do 9 de outubro de 1910 (de Ramón Menéndez Pidal a Miguel de Unamuno suxeríndolle a necesidade de reali­zar un “mapa lingüístico de España”), a última, de febreiro de 1976, de Rodríguez-Castellano a Tomás Navarro Tomás (ofrecéndolle noticias de actualidade política de España e comen­tando agoreiramente que “pudiera ocurrir que cuando cambien las cosas entre otras, el actual snobismo lingüísticolos estudiosos vuelvan los ojos hacia los trabajos del Atlas ini­ciado y dirigido por usted, con tanto acierto.”). Do conxunto das cartas editadas, case todas inéditas, a maioría son da autoría dos inves­tigadores participantes directos no proxecto: Tomás Navarro Tomás (104), Manuel Sanchis Guarner (75), Lorenzo Rodríguez-Castellano (61), Aníbal Otero (32), Francesc de Borja Moll (11), Aurelio M. Espinosa Jr. (8), Luís F. Lindley Cintra (8) e Armando N. de Gusmão (2). Un pequeno feixe está asinado por persoas que dalgún xeito estiveron ligadas con algunha Recensións das fases da investigación: Ramón Menéndez Pidal (14), Rafael Lapesa (2), Rafael de Balbín (10) e algúns outros.

A correspondencia aparece ordenada cronoloxicamente e agrupada nos seis ca­pítulos que constitúen o cerne do libro: I. Proceso de gestación, primeras excursiones e interrupción de la guerra civil (1910-1937), II. Reanudación y retorno de los materiales ex­patriados (1939-1951), III. Entendimiento con Portugal y terminación de las encuestas (1951- 1956), IV. Traslado de los materiales a Mallorca e inicio del proceso de cartografiación. El Con­greso de Lisboa (1957-1959), V. Preparativos fi­nales y edición del volumen inicial (1959-1962) e VI. Etapa final: un proyecto inacabado (1962- 1976).

As cartas editadas permiten apreciar tes­temuños directos sobre as causas e motivos que moveron a Menéndez Pidal e a Tomás Navarro Tomás a impulsar e dirixir un proxec­to de investigación que pretendía realizar unha recolla de información lingüística dia­lectal similar, en calidade e características, ás que xa se emprenderan ou estaban a realizar­se noutros lugares de Europa. O epistolario pon á vista dos lectores as dificultades que tivo o proxecto xa desde o seu inicio, as dis­tintas etapas que atravesou e as polémicas en que se viron envoltos os investigadores participantes. Neste sentido, resulta espe­cialmente ilustrativo o episodio das discre­pancias entre Luís F. Lindley Cintra e A. Otero pola interpretación da ditongación en ou e ei nalgúns puntos de Portugal (carta 170 e ss.). As cartas axudan tamén a coñecer as pexas políticas, administrativas e humanas que foi encontrando o traballo ó longo dos anos e os conflitos orixinados polas relacións persoais e profesionais entre colaboradores. O episto­lario é un reflexo de case un século da histo­ria política, social e científica de España; un século inzado de feitos gloriosos (o rexurdir científico de España durante a época republi­cana) e de feitos tráxicos (as consecuencias que a guerra e a ditadura tiveron para a so­ciedade, a universidade e o desenvolvemen­to científico do país). O libro péchase cun imprescindible índice onomástico, un índice numerado das cartas (con data, autor e desti­natario) e un apéndice gráfico composto por fotos, imaxes dos cadernos, mapas, materiais complementarios utilizados nas enquisas e a reprodución facsimilar dalgunhas cartas e documentos.

Os materiais que compoñen o volume están editados con rigor. As notas engadidas, suficientes en número pero ás veces escasas polo seu contido, complementan os textos e axudan a comprender mellor as referencias e persoas citadas na correspondencia. A pesar de que o criterio seguido polos editores para a selección dos materiais editados resulta com­prensible e razoable, moitos especialistas dos estudos lingüísticos agradecerían que na es­colla se incluísen tamén aquelas misivas que tratan cuestións máis técnicas e específicas do traballo de tratamento e edición dos ma­teriais publicados no primeiro e único volume do ALPI.

O traballo sólido e imprescindible realiza­do por Santi Cortés e Vicent García súmase, de xeito destacado, a unha serie de investigacións sobre o proxecto do ALPI que varios investiga­dores veñen achegado nos últimos anos (en­tre outros: Ignacio Pérez Pascual, Xesús Alonso Montero, Mario Pedrazuela Fuentes e David Heap) e que contribúen a completar a historia deste proxecto infausto e tan inxustamente esquecido. O coñecido episodio padecido por Aníbal Otero, colaborador galego no ALPI, de quen o profesor Alonso Montero acaba de pu­blicar unha indispensable biografía (que com­pleta e corrixe algunha das interpretacións que se presentan no libro que se comenta), é quizais o reflexo máis tráxico de como a guerra civil crebou a vida de moitas persoas e malfadou un proxecto nacido nunha época de brillante progreso científico.

Xulio Sousa

© 2011 Estudos de Lingüística Galega 3, 273-295