Es mostren els missatges amb l'etiqueta de comentaris Xulio Sousa reseña epistolario alpi. Mostrar tots els missatges
Es mostren els missatges amb l'etiqueta de comentaris Xulio Sousa reseña epistolario alpi. Mostrar tots els missatges

divendres, 7 d’octubre del 2011

“[...] historia deste proxecto infausto e tan inxustamente esquecido”

Reseña de Xulio Sousa (USC), en el número 3 de Estudos de lingüística galega, p. 279-280.

Descargar en pdf.


Cortés Carreres, Santi / Vicent García Perales (2009): La historia interna del Atlas Lingüístico de la Península Ibé­rica (ALPI). Correspondencia (1910- 1976). València: Universitat de Valèn­cia, 514 pp.

Con data de 2009 publicouse no servizo de publicacións da Universitat de València este completo volume de correspondencia vin­culada co desenvolvemento do proxecto do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), cualificado certeiramente nalgún lugar da obra polos editores como un dos máis impor­tantes proxectos de investigación lingüística emprendidos na península no século pasado. A obra é o resultado do traballo realizado du­rante varios anos por Santi Cortés, catedrático de ensino secundario e autor doutras obras de carácter historiográfico, e Vicent García Pe­rales, doutor en filoloxía catalá e profesor na Universidad Cardenal Herrera-CEU.

Os materiais foron recadados de diferentes arquivos, entre os máis importantes a Funda­ción Menéndez Pidal, o Centro de Humanida­des y Ciencias Sociales do CSIC, a Residencia de Estudiantes e tamén algunhas bibliotecas e ar­quivos privados. Os editores conseguiron reu­nir preto dun milleiro de documentos de entre os que escolmaron 322 cartas que aparecen transcritas, editadas e debidamente anotadas neste volume. Segundo declaran na presenta­ción (Origen, desarrollo y razones de un proyecto frustrado), a súa pretensión non foi facer unha recolección exhaustiva de todos materiais, senón dar á luz os máis interesantes polo seu contido e tamén aqueloutros que conteñen in­formacións descoñecidas deica agora.

A primeira carta é do 9 de outubro de 1910 (de Ramón Menéndez Pidal a Miguel de Unamuno suxeríndolle a necesidade de reali­zar un “mapa lingüístico de España”), a última, de febreiro de 1976, de Rodríguez-Castellano a Tomás Navarro Tomás (ofrecéndolle noticias de actualidade política de España e comen­tando agoreiramente que “pudiera ocurrir que cuando cambien las cosas ―entre otras, el actual snobismo lingüístico― los estudiosos vuelvan los ojos hacia los trabajos del Atlas ini­ciado y dirigido por usted, con tanto acierto.”). Do conxunto das cartas editadas, case todas inéditas, a maioría son da autoría dos inves­tigadores participantes directos no proxecto: Tomás Navarro Tomás (104), Manuel Sanchis Guarner (75), Lorenzo Rodríguez-Castellano (61), Aníbal Otero (32), Francesc de Borja Moll (11), Aurelio M. Espinosa Jr. (8), Luís F. Lindley Cintra (8) e Armando N. de Gusmão (2). Un pequeno feixe está asinado por persoas que dalgún xeito estiveron ligadas con algunha Recensións das fases da investigación: Ramón Menéndez Pidal (14), Rafael Lapesa (2), Rafael de Balbín (10) e algúns outros.

A correspondencia aparece ordenada cronoloxicamente e agrupada nos seis ca­pítulos que constitúen o cerne do libro: I. Proceso de gestación, primeras excursiones e interrupción de la guerra civil (1910-1937), II. Reanudación y retorno de los materiales ex­patriados (1939-1951), III. Entendimiento con Portugal y terminación de las encuestas (1951- 1956), IV. Traslado de los materiales a Mallorca e inicio del proceso de cartografiación. El Con­greso de Lisboa (1957-1959), V. Preparativos fi­nales y edición del volumen inicial (1959-1962) e VI. Etapa final: un proyecto inacabado (1962- 1976).

As cartas editadas permiten apreciar tes­temuños directos sobre as causas e motivos que moveron a Menéndez Pidal e a Tomás Navarro Tomás a impulsar e dirixir un proxec­to de investigación que pretendía realizar unha recolla de información lingüística dia­lectal similar, en calidade e características, ás que xa se emprenderan ou estaban a realizar­se noutros lugares de Europa. O epistolario pon á vista dos lectores as dificultades que tivo o proxecto xa desde o seu inicio, as dis­tintas etapas que atravesou e as polémicas en que se viron envoltos os investigadores participantes. Neste sentido, resulta espe­cialmente ilustrativo o episodio das discre­pancias entre Luís F. Lindley Cintra e A. Otero pola interpretación da ditongación en ou e ei nalgúns puntos de Portugal (carta 170 e ss.). As cartas axudan tamén a coñecer as pexas políticas, administrativas e humanas que foi encontrando o traballo ó longo dos anos e os conflitos orixinados polas relacións persoais e profesionais entre colaboradores. O episto­lario é un reflexo de case un século da histo­ria política, social e científica de España; un século inzado de feitos gloriosos (o rexurdir científico de España durante a época republi­cana) e de feitos tráxicos (as consecuencias que a guerra e a ditadura tiveron para a so­ciedade, a universidade e o desenvolvemen­to científico do país). O libro péchase cun imprescindible índice onomástico, un índice numerado das cartas (con data, autor e desti­natario) e un apéndice gráfico composto por fotos, imaxes dos cadernos, mapas, materiais complementarios utilizados nas enquisas e a reprodución facsimilar dalgunhas cartas e documentos.

Os materiais que compoñen o volume están editados con rigor. As notas engadidas, suficientes en número pero ás veces escasas polo seu contido, complementan os textos e axudan a comprender mellor as referencias e persoas citadas na correspondencia. A pesar de que o criterio seguido polos editores para a selección dos materiais editados resulta com­prensible e razoable, moitos especialistas dos estudos lingüísticos agradecerían que na es­colla se incluísen tamén aquelas misivas que tratan cuestións máis técnicas e específicas do traballo de tratamento e edición dos ma­teriais publicados no primeiro e único volume do ALPI.

O traballo sólido e imprescindible realiza­do por Santi Cortés e Vicent García súmase, de xeito destacado, a unha serie de investigacións sobre o proxecto do ALPI que varios investiga­dores veñen achegado nos últimos anos (en­tre outros: Ignacio Pérez Pascual, Xesús Alonso Montero, Mario Pedrazuela Fuentes e David Heap) e que contribúen a completar a historia deste proxecto infausto e tan inxustamente esquecido. O coñecido episodio padecido por Aníbal Otero, colaborador galego no ALPI, de quen o profesor Alonso Montero acaba de pu­blicar unha indispensable biografía (que com­pleta e corrixe algunha das interpretacións que se presentan no libro que se comenta), é quizais o reflexo máis tráxico de como a guerra civil crebou a vida de moitas persoas e malfadou un proxecto nacido nunha época de brillante progreso científico.

Xulio Sousa

© 2011 Estudos de Lingüística Galega 3, 273-295